Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Luns, 18 de febreiro de 2013 Páx. 4611

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 12 de febreiro de 2013 pola que se anuncia a convocatoria de subvencións para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade privada de Galicia, que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2012/13 (ED101A).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en desenvolvemento das previsións dos artigos 3.2 e 148.1.17 da Constitución española e mais do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, establece a obriga dos poderes públicos de garantiren o uso normal do galego e do castelán (artigo 2), así como que o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos (artigo 12).

Así mesmo, no artigo 14 da citada lei establécese expresamente que a lingua galega é materia de estudo obrigado en todos os niveis educativos non universitarios e que se garantirá o uso efectivo deste dereito en todos os centros públicos e privados. No parágrafo 3 do mesmo artigo, encoméndaselles ás autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantir que, ao remate dos ciclos educativos en que o ensino do galego é obrigatorio, o alumnado debe coñecer esta lingua, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.

Nesta mesma liña, tamén se pronuncian a Carta europea das linguas rexionais e minoritarias de 1992, ratificada polo Goberno español en 2001, o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro de 2004 e a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Deste obxectivo nace a necesidade de adoptar un conxunto de medidas de dinamización dirixidas á promoción da lingua galega nos centros educativos.

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, sinala a necesidade de afondar no desenvolvemento dos preceptos da Lei de normalización lingüística no tocante ao ensino. Pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz, afastado de usos sexistas e respectuoso coa situación sociolingüística en que se enmarca cada centro. Con este obxectivo, a consellería competente en materia de educación establecerá un programa de actividades de fomento da lingua en cada centro educativo, no marco do seu proxecto lingüístico e coa participación de toda a comunidade educativa, con especial atención ás liñas de actuación que permitan un incremento do uso do galego nas actividades extraescolares e complementarias.

O devandito decreto regula, no artigo 15, a constitución dun equipo de dinamización da lingua galega para potenciar o uso da lingua galega nos centros educativos sostidos con fondos públicos, así como a coordinación destes a través das respectivas comisións que se constituirán en cada xefatura territorial de Educación. Estes equipos terán un papel fundamental no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de promoción da lingua galega nos centros educativos, contarán co apoio técnico necesario e os centros educativos terán a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e material en galego.

Daquela, e co fin de valorar e apoiar o labor dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino, considérase necesario, o mesmo que en exercicios anteriores, convocar axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privado. A achega económica que se asigne a cada proxecto determinarase segundo os criterios establecidos na convocatoria.

Neste caso, segundo o establecido no artigo 2.1.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as achegas económicas que se lles asignen aos proxectos con motivo desta convocatoria terán carácter de subvención, destinadas á execución dos proxectos de fomento do uso do galego polos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino privado. É por isto que as bases que rexen esta convocatoria seguen o estipulado polo artigo 14 da devandita lei.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Anunciar a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privado de Galicia para o curso escolar 2012/13, segundo as seguintes bases:

1. Obxecto.

O establecemento de subvencións para a realización de proxectos de fomento do uso do galego nos centros privados de ensino de Galicia, promovidos polos equipos de dinamización da lingua galega e polo profesorado responsable do proxecto naqueles centros de ensino de menos de seis unidades, durante o curso escolar 2012/13.

As subvencións reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

Estas axudas serán compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados. En todo caso, a suma das contías recibidas non pode superar o 100 % do custo total das actividades do proxecto.

2. Beneficiarios.

Os centros de titularidade privada de Galicia que imparten ensino regrado de nivel non universitario, sexan persoas físicas ou xurídicas, que cumpran os requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

Os beneficiarios deberán cumprir os requisitos e obrigas sinalados nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Requisitos.

Os proxectos e as actividades desenvolvidas ao abeiro desta convocatoria deberanse presentar e desenvolver de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo). Así mesmo, coidarán o respecto da toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 da citada lei.

4. Dotación orzamentaria.

O crédito destinado ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privados ascende á cantidade de 22.600 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias. Este crédito financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.30.151A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 2013.

5. Presentación de solicitudes e prazo.

5.1. Os centros de ensino privado de Galicia que desexen acollerse aos beneficios desta convocatoria deberán formalizar a súa solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde.

5.2. As solicitudes dirixiranse aos gabinetes provinciais de normalización lingüística da provincia que corresponda. Os formularios de solicitude, segundo o modelo ED101A, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es e na páxina web http://www.xunta.es/linguagalega que permite cubrir e editar a solicitude.

5.3. A presentación de solicitudes farase por calquera das seguintes vías:

a) En soporte papel: as solicitudes poderán presentarse por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

En caso de enviarse por correo, o envío deberán ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

b) Por vía electrónica: a presentación electrónica farase a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de acordo co estipulado na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de utilizar a vía electrónica, os/as interesados/as deberán posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital admitido pola sede electrónica. Xunto cos formularios de solicitude deberá achegarse a documentación a que se fai referencia na base sexta da convocatoria, que deberá cumprir os requisitos sinalados no artigo 27 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro. Aqueles documentos non dispoñibles en formato electrónico e que pola súa natureza non sexan susceptibles de achega nun formato electrónico válido deberán presentarse a través das vías previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5.4. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Para os efectos deste cómputo non ten validez a data de saída do rexistro do centro de ensino.

6. Documentación que se xuntará á solicitude.

Á solicitude xuntarase a seguinte documentación:

6.1. Copia do proxecto, asinado polo coordinador ou coordinadora do equipo de dinamización da lingua galega, co visto e prace do director ou directora do centro. O proxecto deberá analizar a realidade concreta do centro e, a partir dela, establecer os obxectivos e deseñar as actividades que permitan modificar a situación de partida. Desenvolverá os seguintes puntos:

a) Breve estudo sociolingüístico actualizado atendendo:

– Ao contorno sociolingüístico do centro.

– Á situación do profesorado.

– Á situación do alumnado.

– Á situación lingüística do centro.

b) Descrición de obxectivos adecuados a cada un dos catro puntos anteriores.

c) Descrición detallada das actividades de dinamización lingüística para cada un dos obxectivos propostos.

6.2. Cadro resumo de actividades asinado polo coordinador ou coordinadora, co visto e prace do director ou directora do centro, en que figure expresamente o compromiso de desenvolvemento das actividades programadas no caso de obter o financiamento. No cadro teñen que constar de forma resumida a temporización, o nome da actividade, responsable/s e departamento/s a que pertence, destinatarios/as, así como o orzamento previsto. O modelo deste cadro resumo figura no anexo II desta resolución.

6.3. Copia compulsada do NIF do centro (se fose unha persoa xurídica) ou do NIF do seu titular se se trata dunha persoa física. Neste último caso, non cumprirá presentar o documento sempre que o titular autorice a Secretaría Xeral de Política Lingüística para que verifique os seus datos de identidade, de acordo co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

Estarán exentos de presentar o NIF os centros que xa fosen beneficiarios de subvencións nas convocatorias posteriores ao ano 2007. Unicamente deberán comunicar que non houbo variacións que modifiquen substancialmente a documentación que xa consta na Secretaría Xeral de Política Lingüística.

6.4. Anexo III de declaración de axudas solicitadas e concedidas para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados, e declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións previstas para a obtención de axudas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6.5. O centro deberá acreditar, con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión da subvención e con carácter previo ao seu pagamento, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

De acordo co anterior, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización do centro ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

7. Procedemento.

Unha vez que remate o prazo de presentación de instancias, os gabinetes provinciais de normalización lingüística revisarán as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompletas as solicitudes, conter erros ou de non achegar toda a documentación acreditativa dos requisitos exixidos por medio desta convocatoria, requiriranse as persoas solicitantes para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terán por desistidos da súa petición e arquivarase o seu expediente na forma e termos indicados no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e consonte os artigos 59.6.b), 60 e 61 da Lei 30/1992, os requirimentos faranse mediante publicación na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega

8. Análise e cualificación dos proxectos.

Comisión de cualificación. Unha vez completos os expedientes administrativos, procederase á cualificación dos proxectos que resulten admitidos por seren presentados en tempo e forma. Con este fin, constituirase en cada gabinete provincial unha comisión provincial de cualificación, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na sección 3ª do capítulo I, título I da Lei 16/2012, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Cada comisión provincial estará integrada por:

Presidencia:

– O xefe ou a xefa do Gabinete Provincial de Normalización Lingüística.

Vogais:

– O coordinador ou coordinadora provincial dos equipos de dinamización da lingua galega.

– Un/unha representante da Inspección educativa, que será designado/a polo xefe ou pola xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Un/unha especialista en planificación lingüística, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Cando o número de proxectos o aconselle, poderán designarse ata tres especialistas máis por comisión.

– Un profesor ou unha profesora con experiencia nos equipos de dinamización da lingua galega, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Secretaría:

Desenvolverá estas funcións un funcionario ou unha funcionaria do gabinete ou delegación territorial.

No seo das comisións provinciais poderanse constituír unha ou varias comisións técnicas para facilitar a análise polo miúdo dos proxectos.

9. Criterios para a cualificación dos proxectos.

Para a concesión de incentivos de apoio ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego, as comisións terán en conta fundamentalmente a calidade do proxecto e ponderarase o número de estudantes do centro.

9.1. A calidade do proxecto terá un peso do 80 %. Quedarán desestimadas aquelas solicitudes que non reúnan un mínimo de 6 puntos nesta epígrafe. A porcentaxe do 80 %, correspondente á calidade, será puntuada de 0 a 24 puntos. As variables que se avaliarán coas respectivas puntuacións serán as seguintes:

a) Grao de implicación activa dos membros da comunidade no proxecto (pais/nais, profesorado de distintos departamentos, alumnado de distintos ciclos, etapas e niveis, así como persoal de administración e servizos): de 0 a 3 puntos.

b) Nivel de orixinalidade nas propostas para incidir nos usos reais, orais e escritos, da comunidade educativa: de 0 a 3 puntos.

c) Grao no uso das competencias activas da lingua, con especial atención a aquelas que fomenten a oralidade: de 0 a 3 puntos.

d) Nivel de utilización de novas tecnoloxías: de 0 a 3 puntos.

e) Grao de colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro, co obxectivo de potenciar o uso da lingua galega fóra do centro: de 0 a 3 puntos.

f) Grao de colaboración con outros centros educativos no deseño da planificación lingüística e/ou realización de actividades: de 0 a 3 puntos.

g) Realización de actividades plurianuais: de 0 a 3 puntos.

h) Diversificación de actividades ao longo do curso, número e coherencia entre estas e os obxectivos correspondentes: de 0 a 3 puntos.

9.2 O número de estudantes terá un peso do 20 %. A cada centro concederánselle 0,30 puntos por cada 50 estudantes ou fracción, ata un máximo de 6 puntos.

10. Contías máximas por proxecto.

a) O financiamento máximo que poderán recibir os centros cunha matrícula superior a 50 alumnos e alumnas é de 800 €.

b) O financiamento máximo que poderán recibir aqueles centros con matrícula comprendida entre 25 e 50 alumnos e alumnas é de 300 €.

c) O financiamento máximo que poderán recibir aqueles centros con matrícula inferior a 25 alumnos e alumnas é de 150 €.

11. Criterios para a repartición das axudas concedidas.

Unha vez que as comisións provinciais avalíen e fixen a puntuación que ten cada proxecto, establécense os seguintes criterios para a repartición das axudas:

11.1. Distribuiranse 19.000 € da seguinte maneira: fixarase un valor económico por punto obtido nos proxectos; a multiplicación dese valor polo total de puntos acadados por cada proxecto dará como resultado a contía económica da axuda que recibirá cada un.

11.2. A maiores, distribuiranse 3.600 € entre os proxectos dos centros cunha matrícula superior a 50 alumnos/as que acaden 22 ou máis puntos na epígrafe 9.1 (Calidade do proxecto). Ningún centro poderá recibir máis de 300 € nesta distribución.

En caso de que non se reparta a totalidade desta contía, o remanente sumarase á cantidade prevista no punto anterior.

11.3. En todo caso, ningún proxecto poderá recibir unha axuda que exceda as máximas establecidas na epígrafe 10 nin o custo total do proxecto.

11.4. Tanto o establecemento do valor económico por punto obtido (11.1) como a distribución da cantidade prevista na epígrafe 11.2 fixaranse na Secretaría Xeral de Política Lingüística, en sesión conxunta, en que participen o/a presidente/a de cada comisión provincial e un técnico da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

12. Proposta de resolución.

Rematadas as sesións, as comisións provinciais elaborarán a listaxe coa puntuación outorgada a cada proxecto e a xefatura de gabinete de normalización lingüística correspondente formulará unha proposta de resolución de adxudicación do financiamento de cada proxecto.

Estas propostas, logo de fiscalización previa, faranse públicas na web www.xunta.es/linguagalega. Nelas expresarase a contía proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. Os centros interesados disporán de 10 días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da listaxe provisional, para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a Xefatura do Gabinete de Normalización Lingüística, nos lugares e forma indicados na base quinta da convocatoria. En todo caso, os centros que presenten alegacións enviaranlles un correo electrónico aos gabinetes de normalización lingüística da súa provincia dando conta do día en que presentaron a alegación e do motivo dela.

13. Resolución.

Ao abeiro da disposición adicional da Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 27, do 8 de febreiro), delégase nos/as respectivos/as xefes/as territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a competencia para resolver a convocatoria, asignar o financiamento definitivo a cada proxecto e pagar os importes correspondentes a cada centro de ensino adxudicatario da súa provincia. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e na web www.xunta.es/linguagalega, logo da fiscalización conforme da fase de disposición do gasto por parte das intervencións provinciais, pola cal se entenderán notificados para todos os efectos os centros de ensino interesados, sen prexuízo das notificacións individuais feitas aos centros adxudicatarios.

Contra a resolución de concesión os centros interesados poderán interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o órgano que a ditou, é dicir, a xefatura territorial correspondente, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, quen resolverá por delegación de acordo co disposto na disposición adicional da referida Orde do 25 de xaneiro de 2012, ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE núm. 167, do 14 de xullo).

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de catro meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

14. Xustificación de gastos.

A data límite para a xustificación dos gastos correspondentes aos centros que obtiveron financiamento mediante esta convocatoria para o curso 2012/13 é o 30 de xuño de 2013. Deberá presentarse ante os gabinetes provinciais de normalización lingüística da mesma forma que a sinalada no punto 5, a propósito da presentación das solicitudes.

A xustificación de gastos incluirá a seguinte documentación:

a) Unha memoria descritiva e gráfica. Nela aparecerán todas as actividades realizadas; detallaranse aquelas para as cales se concedeu a asignación económica e relacionarase cada gasto en que se incorreu coa actividade do proxecto a que vai imputado.

Esta memoria deberá dar conta dos cambios realizados con respecto á programación inicial e nela avaliarase, ademais, a consecución ou non dos obxectivos previstos e proporanse actuacións de mellora para vindeiros proxectos.

b) Facturas orixinais correspondentes ao ano 2013, comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño expedidas a nome do centro, e xustificación acreditativa do seu pagamento. Tamén se poderán presentar copias compulsadas establecidas polas oficinas de rexistro que establezan as disposición vixentes. Tanto nunhas coma noutras deberase expresar, de xeito explícito, o concepto e a súa relación coas actividades programadas.

Para a súa consideración como subvencionable, entenderase como efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados ou por calquera outro medio de proba que acredite a realización do pagamento, segundo especifican os artigos 42 e 49 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas en que se especifique o emisor, número de factura e importe.

c) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, con indicación do importe concedido e da súa procedencia, ou declaración de non ter solicitada ningunha outra axuda para a mesma finalidade.

d) Poderase pedir toda a documentación complementaria que se considere necesaria para a xustificación.

15. Pagamento.

O aboamento da subvención asignada realizarase logo de que cada centro privado beneficiario da subvención xustifique o gasto, de acordo co previsto na base anterior.

O pagamento non poderá ser superior á contía concedida na resolución da convocatoria, nin aos gastos realmente realizados, de seren estes inferiores ao importe concedido. No caso de que ao centro se lle conceda outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto, o importe da axuda concedida con cargo a esta convocatoria minorarase cando a súa contía, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, supere o 100 % do custo das actividades do proxecto.

Os pagamentos serán efectuados a través das respectivas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

16. Perda do dereito ao cobramento da subvención.

O centro perderá o dereito ao cobramento da subvención concedida polas seguintes causas:

– Xustificacións presentadas fóra do prazo (con posterioridade ao 30 de xuño de 2013).

– Non realización das actividades e/ou incumprimento dos fins, obxectivos ou variación substancial na realización do proxecto, sen o xustificar debidamente.

– Incumprimento na execución do proxecto no tocante ao punto 3 da convocatoria.

17. Perda ou modificación da subvención.

Estarase obrigado ao reintegro, total ou parcial, da subvención no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e á modificación da subvención como consecuencia da alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión.

18. Seguimento e avaliación da realización dos proxectos.

O seguimento e a avaliación da realización dos proxectos de fomento da lingua galega que presenten os equipos será realizado polos coordinadores e coordinadoras territoriais sobre a base das memorias de xustificación.

19. Desconcentración de créditos.

Para unha xestión máis eficaz, a Secretaría Xeral de Política Lingüística desconcentrará os créditos necesarios para sufragar os gastos desta convocatoria nas correspondentes xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en que teñen establecida a súa sede os gabinetes de normalización lingüística de cada provincia.

20. Normativa aplicable.

A esta orde seranlle de aplicación as normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de subvencións e o seu desenvolvemento; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Disposición adicional primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición adicional segunda

A presentación da solicitude comportará a autorización á Secretaría Xeral de Política Lingüística para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas recibidas así como ás sancións impostas, cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicación dos datos nos rexistros que, en todo caso, terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional terceira

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file