Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Luns, 4 de febreiro de 2013 Páx. 2983

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de xaneiro de 2013 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013.

Mediante Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 17 de febreiro de 2012 (Diario Oficial de Galicia do 24 de febreiro), aprobáronse as bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, de acordo co Regulamento (CE) nº 1698/2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e o Regulamento (CE) nº 1974/2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior.

Na convocatoria correspondente a este novo exercicio que se fai a través desta orde procede introducir algunha modificación nas mencionadas bases reguladoras.

A principal modificación consiste nunha ampliación dos casos en que se exixe a solicitude de, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo que vai ser obxecto da axuda. Así, aínda que o artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece esa obriga a partir de determinados importes, coa modificación vaise exixir este requisito con independencia do importe. Isto faise en prol dun mellor control administrativo da moderación dos custos propostos, de acordo co establecido no artigo 24 do Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011.

Ademais, modifícanse as bases reguladoras das axudas para facer extensivos a todas as accións subvencionables os topes de gasto nos conceptos de aloxamento, manutención e desprazamento con vehículo propio, que na orde de 2011 se establecían só para o caso específico da asistencia a feiras.

Así mesmo, de acordo co previsto no punto 16 do artigo 3 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), para poder dar satisfacción a unha necesidade que se presentou en pasadas convocatorias, van poder ser subvencionables aqueles gastos anteriores á solicitude que se fixesen en concepto de adianto ou reserva para a participación nunha determinada feira ou exposición, sempre que a efectiva participación sexa con posterioridade á solicitude da axuda.

Por último, dáse unha nova redacción ao número 2 do artigo 11, para adaptar o seu contido ao recollido na modificación do Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, realizada a través do Regulamento de execución (UE) nº 937/2012 da Comisión, do 12 de outubro de 2012.

Ante a urxente e inaprazable necesidade de realización desta convocatoria para pór á disposición dos posibles beneficiarios estas axudas e permitir que se poidan financiar os gastos que inescusablemente se teñan que realizar no inicio deste exercicio orzamentario, esta orde de axudas tramítase con carácter previo á aprobación polo Parlamento de Galicia dos orzamentos da comunidade autónoma para 2013, de acordo co establecido no número 2 do artigo 7 do Decreto 263/2012, do 27 de decembro, polo que se regulan as condicións de prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto modificar a Orde do 17 de febreiro de 2012 (DOG nº 39, do 24 de febreiro) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013 e realizar a convocatoria correspondente ao ano 2013. As axudas, que se convocan en réxime de concorrencia competitiva, financiarán actuacións que se realicen durante o ano 2013 e tamén aquelas que se inicien nese ano e que finalicen, como máis tarde, o 31 de xaneiro de 2014.

Sección 1ª Modificación das bases reguladoras das axudas a agrupacións
de produtores para a realización de actividades de información e promoción
de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada,
no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013

Artigo 2. Modificación das bases reguladoras

Un. Modificación do artigo 5.

Engádense dous novos puntos, 3 e 4, ao artigo 5 da Orde do 17 de febreiro de 2012, coa seguinte redacción:

«3. Os límites máximos de gasto subvencionable establecidos na letra b) do número 1 deste artigo para os gastos de aloxamento, manutención e desprazamento con vehículo particular no caso de asistencia a feiras, serán aplicables tamén aos gastos desta natureza que se inclúan nas restantes actuacións que esta liña de axuda abrangue.

4. De acordo co previsto no punto 16 do artigo 3 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), poderán ter a consideración de subvencionables aqueles gastos anteriores á solicitude que se fixesen en concepto de adianto ou reserva para a participación nunha determinada feira ou exposición, sempre que a efectiva participación sexa con posterioridade á solicitude da axuda».

Dous. Modificación do artigo 9.

O punto 4 do artigo 9 da Orde do 17 de febreiro de 2012 queda redactado como segue:

«4. Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda, con excepción dos relativos a aloxamento, manutención e desprazamento con vehículo propio, deberanse solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Non se considerarán subvencionables os conceptos incluídos na solicitude de axuda dos cales non se acredite o cumprimento deste requisito.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa».

Tres. Modificación do artigo 10.

Os puntos 2 e 3 do artigo 10 da Orde do 17 de febreiro de 2012 quedan redactados como segue:

«2. Unha vez ditada a resolución de concesión, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido sempre e cando non se alteren esencialmente a natureza e os obxectivos da axuda aprobada e non se produzan danos en dereitos de terceiros.

A dita solicitude de modificación deberá ser presentada antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade.

3. No caso de que na xustificación dos gastos realizados o importe xustificado sexa inferior ao aprobado, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente, sempre que non se alteren os obxectivos iniciais».

Catro. Modificación do artigo 11.

O número 2 do artigo 11 queda redactado do seguinte xeito:

«2. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde e dos xuros de demora correspondentes no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na normativa de aplicación vixente. Para estes efectos, os xuros de demora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución».

Sección 2ª Convocatoria 2013

Artigo 3. Orzamento

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo á partida orzamentaria 12.20.713D.781.0, por un importe dun millón catrocentos sesenta e seis mil douscentos trinta e seis euros (1.466.236,00 euros) para a anualidade 2013 e seiscentos mil euros (600.000 euros) para a anualidade 2014.

2. Se a contía do crédito que resulte aprobada na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013 é inferior á prevista neste artigo, terase en conta a disposición adicional 19 do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2013, que regula o procedemento para a imputación das operacións de gasto do orzamento prorrogado aos orzamentos para o exercicio 2013.

3. Os importes establecidos nesta orde poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Actividades subvencionables e beneficiarios

1. Serán subvencionables as actividades realizadas por agrupacións de produtores relacionadas con actuacións de información e promoción cuxo fin sexa inducir o consumidor a adquirir produtos incluídos no marco de programas de calidade diferenciada definidos no artigo 2.2 das bases reguladoras.

Segundo o recollido nas bases reguladoras, as ditas accións de divulgación poderán consistir en:

a) Accións de promoción, como campañas publicitarias, misións comerciais, misións comerciais inversas, catas comentadas, degustacións, presentacións públicas ou accións publicitarias nos puntos de venda.

b) Organización ou asistencia a feiras e exposicións do sector agrario e agroalimentario.

c) Estudos de mercado relacionados con campañas de promoción ou de avaliación do seu impacto, así como a organización de xornadas técnicas, seminarios e congresos que teñan como obxectivo a divulgación entre os consumidores de coñecementos científicos e técnicos relacionados cos produtos de calidade diferenciada.

2. De acordo co establecido no número 1 do artigo 2 das bases reguladoras, as agrupacións de produtores beneficiarias destas axudas poderán ser os consellos reguladores dos produtos agroalimentarios e as asociacións sen ánimo de lucro en que participen produtores implicados nalgún programa de calidade diferenciada dos alimentos.

Artigo 5. Contía das axudas e criterios de valoración

A contía destas axudas determinarase de acordo cos límites establecidos no artigo 5.2 da Orde do 17 de febreiro de 2012.

Os criterios de valoración son os que se recollen no artigo 6 das bases reguladoras.

Artigo 6. Forma de presentación das solicitudes e documentación necesaria

1. As solicitudes presentaranse en instancia dirixida á persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, de acordo co modelo que figura no anexo I que vai con esta orde, acompañada da documentación que figura no anexo II. Deberase presentar unha solicitude por cada actuación que se pretenda acoller a este réxime de axudas, coa excepción prevista no artigo 5.1, alínea b.1) das bases reguladoras, relativa á participación en feiras e exposicións.

2. As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que indica que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e o minuto da súa admisión.

Tamén poderán presentarse en sede electrónica no enderezo de internet https://sede.xunta.es, conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lles poida requirir a exhibición do documento orixinal en calquera momento da tramitación do procedemento, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do citado Decreto 198/2010.

Artigo 7. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde.

Artigo 8. Instrución e resolución

1. De conformidade co establecido no artigo 8 das bases reguladoras, a tramitación, instrución e formulación da proposta de resolución das axudas corresponde á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes. As solicitudes serán resoltas pola persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. A resolución de concesión indicará os gastos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente, indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos realizados, que será, polo menos, posterior en dez días á finalización da realización da actividade subvencionada segundo o calendario presentado e, en calquera caso, anterior á data límite do 10 de setembro no que se refire á anualidade do ano corrente, e do 28 de febreiro para a anualidade de 2014.

Artigo 9. Prazo de resolución e notificación

1. Consonte o establecido no artigo 8 das bases reguladoras, as solicitudes destas axudas resolveranse no prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

2. As resolucións que se diten neste procedemento serán notificadas aos interesados dentro do prazo de dez días a partir da data en que fosen ditadas, de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Réxime de recursos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file