Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Xoves, 4 de abril de 2013 Páx. 9842

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 54/2013, do 21 de marzo, polo que se modifica o Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

O artigo 28 da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, crea, como órgano consultivo da Administración ambiental, o Consello Galego de Medio Ambiente, co fin de cumprir o principio de participación pública e de establecer unha vía de participación dos estamentos interesados da sociedade galega e da súa comunidade científica.

O dito precepto remite ao desenvolvemento regulamentario a determinación da súa organización, composición, funcionamento e réxime xurídico, así como do carácter dos seus informes.

A regulación actual do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible recóllese no Decreto 74/2006, do 30 de marzo, modificado polos decretos 137/2006, do 27 de xullo, 387/2009, do 24 de setembro, e 77/2012, do 9 de febreiro.

A disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece que nos órganos de participación institucional constituídos no seo da Administración da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais integrantes do sector público terán dereito a participar os sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.

Cómpre modificar a composición do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no que atinxe á representación das organizacións sindicais, co fin de adaptala á citada previsión legal e facer efectivo, deste xeito, o seu dereito de participación institucional.

Aprovéitase, así mesmo, esta modificación para introducir unha precisión na referencia aos/ás vogais representantes da Administración autonómica, que corresponde, non só as persoas titulares dos órganos superiores ou de dirección con competencias en cada unha das áreas enumeradas, senón tamén, de ser o caso, das entidades instrumentais do sector público autonómico.

Na súa virtude, e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concordante, e por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de marzo de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o artigo 3.4º do Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, que queda redactado como segue:

«4º. Vogalías. O Consello está integrado por vogalías, en representación dos departamentos da Xunta de Galicia con competencias conexas co ambiente e a sustentabilidade e de entidades e institucións representativas da sociedade civil.

4º.1. En representación da Administración autonómica, establécense trece vogalías, que corresponden ás seguintes áreas:

– Relacións exteriores e coa Unión Europea.

– Ordenación do territorio e urbanismo.

– Calidade ambiental.

– Paisaxe.

– Conservación da natureza.

– Augas.

– Industria.

– Saúde pública.

– Política social.

– Medio rural.

– Mar.

– Educación.

– Traballo.

Serán vogais as persoas titulares dos órganos superiores ou de dirección das consellerías ou, de ser o caso, dos órganos de goberno ou dirección das entidades instrumentais do sector público autonómico con competencias en cada unha das áreas sinaladas. Se as persoas así determinadas non acadan o número de trece, os/as conselleiros/as competentes nas áreas materiais que non estivesen xa representadas procederán a nomear as persoas necesarias para acadar o número de vogalías previsto.

4º.2. Os seguintes vogais, en representación da sociedade civil:

– Un/unha representante de cada un dos sindicatos presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.

– Tres representantes da Confederación de Empresarios de Galicia.

– Catro representantes de organizacións de carácter ambiental.

– Catro representantes das seguintes organizacións de carácter social: Consello da Xuventude, Sociedade Galega de Educación Ambiental, Confederación Galega de Veciños, Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

– Tres representantes das universidades de Galicia, un/unha por cada unha delas.

– Catro representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias.

– Tres representantes das organizacións profesionais agrarias máis representativas de Galicia.

– Un/unha representante da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

4º.3. A designación de representantes no Consello observará o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes salvo que concorran razóns fundadas e obxectivas debidamente motivadas que impidan a consecución deste obxectivo».

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar as disposicións que considere necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de marzo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas