Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 1 de abril de 2013 Páx. 9379

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 53/2013, do 14 de marzo, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, o Facho de Donón, no termo municipal de Cangas, na provincia de Pontevedra.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, por Resolución do 19 de decembro de 2011, incoa o procedemento para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, en favor do Facho de Donón, no termo municipal de Cangas (provincia de Pontevedra) e dispón a apertura dun período de información pública polo prazo dun mes, contado desde o 15.1.2012.

Con posterioridade, vistos os informes da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Pontevedra, da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, da Facultade de Historia da Universidade de Vigo e do Consello da Cultura Galega, todos eles favorables á declaración, así como os emitidos polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, introdúcense algúns cambios no expediente. En concreto, atendendo ás recomendacións dos órganos consultivos, analizadas as alegacións formuladas no período de información pública e de acordo cos informes dos técnicos da consellería, proponse aumentar o ámbito do ben polo seu extremo NE a fin de abranguer completamente a área etnoarqueolóxica das Cortes-Punxeiro, así como excluír unha pequena área na zona próxima á aldea de Donón.

Á vista de todo anterior, finalizada a instrución do correspondente procedemento administrativo, cómpre proceder á súa resolución definitiva, conforme o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de marzo de dous mil trece,

DISPOÑO:

Primeiro. Declaración de ben de interese cultural

Declarar ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, o Facho de Donón, no termo municipal de Cangas, na provincia de Pontevedra, consonte a caracterización, descrición, xustificación e criterios básicos de conservación e salvagarda que constan no anexo I deste decreto.

Segundo. Delimitación

A delimitación do ben de interese cultural é a definida, literal e graficamente, no anexo II deste decreto.

Disposición derradeira. Eficacia

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra este decreto, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes, de conformidade cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Caracterización, descrición, xustificación e criterios básicos
de protección e salvagarda

I. Caracterización, descrición e xustificación da declaración como ben de interese cultural.

O Facho de Donón sitúase no extremo occidental da península do Morrazo. Ocupa un promontorio que sobresae na paisaxe, elevado sobre o mar nun cantil de máis de 180 metros, e cun gran dominio visual sobre o océano e as illas Cíes e Ons, próximo da aldea de Donón e pertencente á parroquia de Santo André do Hío. Este lugar alberga unha zona arqueolóxica excepcional e única no contexto peninsular. O seu grande valemento xustifícase, principalmente, pola existencia dun notable santuario. Este santuario adquire a súa calidade de sobranceiro pola grande cantidade de aras-estela dedicadas a un mesmo deus céltico indíxena; polas características únicas destas e pola cronoloxía verificada para o culto. Ademais, o lugar acolle sitios arqueolóxicos pertencentes a un arco cronolóxico e tipolóxico moi amplo: por unha banda inclúe petróglifos e áreas de actividade humana, desde o século X a.C ao século V d.C, que se corresponden co Bronce Final, Idade do Ferro, Época Romana e comezos da Alta Idade Media; por outra, o lugar alberga, nun excelente estado de conservación, un singular espazo agrario tradicional, fosilizado, pertencente a unha aldea despoboada antes do século XX.

No que se refire ao santuario, cómpre subliñar que o deus a quen se dedican as máis de 175 aras recibe o apelativo de Lar Berobreo e non se coñece outro lugar no que exista tan alta concentración de aras dedicadas a un mesmo deus indíxena. Asemade, estas aras teñen a particularidade de seren ao mesmo tempo estelas fincadas, con connotacións funerarias, ergueitas por dedicantes anónimos. Finalmente, en relación ás aras, consta que comezaron a ser colocadas a finais do século II d.C, e que este ritual se prolongou durante, polo menos, cinco ou seis xeracións, ata que a comezos do século V d.C. aparecen indicios de cristianización e desaparecen as evidencias do seu uso. Porén, existen testemuños de actividade cultual anterior ao comezo da colocación das aras-estela, como é a existencia no lugar dun lacus, o que pode retrotraer o uso do lugar como santuario ata finais da Idade do Bronce. Ao santuario acudían en peregrinación romeiros para agradecer ao deus a protección prestada fronte a unha enfermidade grave, de xeito semellante ás romaxes tradicionais e das cales é o antecedente máis antigo coñecido; así, as aras-estela actúan do mesmo xeito que tradicionalmente desenvolven os exvotos.

Ao lado deste sobranceiro ben patrimonial existe outro que tamén posúe singular relevancia: trátase do xacemento de Punxeiros-As Cortes, despoboado antes do século XX, e o seu espazo agrario e vivencial asociado. Este xacemento conforma un espazo agrario fosilizado de elevado interese patrimonial que, ademais, posúe o dobre valor arqueolóxico e etnolóxico.

Un terceiro valemento deste lugar é o inmaterial, que actúa de forma transversal e sinérxica cos outros. Segundo a tradición, desde o cantil denominado a Banda da Figueiriña e a Costa do Río parten as ánimas no seu camiño para o Alén. Neste sentido, os mariñeiros afirman ter visto desde o mar as luces das ánimas ou da Compaña no cantil. Isto ten relación coa crenza máis ampla do tránsito das ánimas desde terra firme cara ás illas Ons e Cíes e, desde elas, para o Alén.

A conxunción no mesmo lugar de todos estes elementos pertencentes ao patrimonio cultural galego outórganlle de abondo a calidade de sobranceiro, necesaria para a súa declaración como ben de interese cultural.

II. Usos e criterios básicos de protección e salvagarda.

Mentres non se aprobe o plan especial de protección que establece o artigo 48 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, será de aplicación o disposto no artigo 11.2 desta no que se refire aos usos compatibles coa correcta conservación do ben. Para estes efectos establécese o seguinte:

• Área 1, na extensión que aparece no mapa anexo: abrangue todos os xacementos arqueolóxicos e as edificacións ruinosas das Cortes-Punxeiros. Permítense usos e actividades de valorización patrimonial e ambiental, intervencións arqueolóxicas encadradas en proxectos de investigación, documentación e salvagarda, así como usos gandeiros que non supoñan risco de alteración para as estruturas arqueolóxicas.

• Área 2, na extensión que aparece no mapa anexo: comprende o espazo agrario fósil e os arredores máis próximos. Permítense usos e actividades de valorización, documentación e salvagarda patrimonial e ambiental, así como intervencións arqueolóxicas, programadas ou non, sempre que estas vaian encamiñadas á salvagarda e documentación do ben. Potenciaranse os usos agrarios e gandeiros que non impliquen remocións profundas, modificacións da topografía existente ou alteración dos elementos accesorios como valados, cómaros ou camiños. Non se admite o monocultivo forestal de especies arbóreas alóctonas e prefírese o uso forestal de especias autóctonas nas zonas tradicionais de monte.

• Área 3, na extensión que aparece no mapa anexo: comprende a zona acantilada da Banda da Figueiriña e a Costa do Río, con valemento de patrimonio inmaterial. Aplícase o réxime xeral de protección do contorno dos bens de interese cultural.

• Nos camiños tradicionais que aparecen no mapa anexo, herdeiros dos antigos de peregrinacións ao santuario e eixos conformadores do espazo agrario tradicional, prohíbese a modificación do seu trazado, largura e rasante. Calquera actuación sobre os seus pavimentos, muros de delimitación e elementos anexos ou accesorios deberá ser previamente autorizada pola consellería competente en materia de cultura.

• Na totalidade do ámbito da zona arqueolóxica delimitada deberá manterse a estrutura territorial e as características xerais da paisaxe cultural, por ser esta parte integrante do ben. Ademais dos camiños mencionados no punto anterior, protexeranse todos os elementos da paisaxe cultural que a conforman, como os valados, os cómaros ou a distribución parcelaria. Respectaranse e manteranse as áreas de uso agrogandeiro tradicional do solo (monte, prados, leiras etc.), de maneira que se eviten os usos impropios e non tradicionais.

ANEXO II
Delimitación literal e gráfica

I. Descrición literal da delimitación da zona arqueolóxica do Facho de Donón.

A delimitación parte do vértice V1, nun illote ou con situado na parte norte da delimitación e, desde el, segue no sentido das agullas do reloxo. As referencias de coordenadas UTM están referidas ao sistema UTRS1989 e os números de identificación de parcelas correspóndense co polígono 9, agás mención expresa.

V1. (511.317,6 / 4.681.193,7). Desde o litoral o límite toma dirección leste, marcando unha liña recta que atravesa as parcelas 09007 e 7 e máis o camiño 90060, ata que chega ao vértice V2.

V2. (511.696,4 / 4.681.228,1). Este vértice está situado na esquina NW da parcela 763, que queda incluída. Desde aquí o límite discorre pola linde entre parcelas ata chegar ao vértice V3; de maneira que quedan dentro as parcelas seguintes (nomeadas no sentido das agullas do reloxo): 763, 762, 761, 760, 759, 500, 745, 746, 498, 719 e 497. Por tanto, quedan fóra da delimitación as parcelas seguintes: 792, 758, 503, 743, 744, 720, 717 e 479.

V3. (511.899,9 / 4.681.152,4). Este vértice está situado no punto de confluencia das parcelas 479 e 478 (que quedan fóra) co camiño 09006 (que queda dentro). Desde aquí a linde segue en dirección SSE polo camiño catastral 09006 ata o vértice V4; de maneira que o camiño queda dentro do límite e as parcelas que lindan con el polo leste fican fóra.

V4. (511.954,2 / 4.680.980,5). Este vértice está situado no punto de intersección da prolongación da liña de límite SW da parcela 418 coa liña de límite da parcela 788 (ambas fican fóra), de maneira que atravesa o camiño catastral 09006. A linde da delimitación avanza para o sur polo camiño 09006 ata o vértice V5, na zona de confluencia co camiño 09010 do polígono 8. Ambos os camiños quedan dentro da delimitación.

V5. (512.044,1 / 4.680.735,1). O punto en que se sitúa este vértice correspóndese coa intersección da prolongación da liña de linde entre a parcela 788 e o camiño 09006 coa liña de límite da parcela 360 do polígono 8, atravesando o camiño catastral 09010 do polígono 8. Desde este vértice o límite avanza para o SW ata chegar ao punto V6, de maneira que o camiño catastral 09010 do polígono 8 queda dentro da delimitación e fican fóra da delimitación todas as parcelas lindeiras con este camiño polo sur, que pertencen ao polígono 8.

V6. (511.428,4 / 4.680.184,8). Vértice situado no punto de confluencia entre as parcelas 798 e 7 do polígono 9 co camiño 09010 do polígono 8. Existen dous puntos en que conflúen as parcelas citadas; deles o vértice está situado no máis meridional, nas coordenadas sinaladas. Desde este vértice o límite continúa en dirección SW ata o punto V7, atravesando a parcela 7.

V7. (511.371,7 / 4.680.130,2). O vértice está sobre un penedío, nun ángulo que describe a parcela 09007, nas coordenadas sinaladas. Desde aquí a linde segue en liña recta ata o V8, atravesando a parcela 09007.

V8. (511.249,3 / 4.680.113,7). Vértice situado na liña de costa, nun entrante que fai o mar nas coordenadas referidas. Desde aquí o límite continúa para o norte ata o vértice V1, discorrendo pola costa, pola liña intermareal.

II. Descrición gráfica da delimitación da zona arqueolóxica do Facho de Donón.

missing image file