DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 02 de febreiro de 2007 Páx. 1.439

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2007, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Plan Infoga.

De conformidade co Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, esta dirección xeral, en virtude das competencias establecidas no artigo 6.1º do decreto citado, acorda realizar a convocatoria para a elaboración de listas, de conformidade coas seguintes bases:

Base 1ª.-Obxecto.

O obxecto desta convocatoria é a elaboración das listas para a cobertura de prazas incluídas nas relacións de postos de traballo reservados a persoal laboral mediante as modalidades contractuais previstas no Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, e, preferentemente o contrato de interinidade mentres non se proceda á súa cobertura con carácter definitivo, das categorías e grupos, dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Plan Infoga, que a seguir se sinalan:

-Técnico superior de defensa contra incendios forestais (grupo I, categoría 38).

-Técnico forestal de defensa contra incendios forestais (grupo II, categoría 39).

- Xefe de cuadrilla de defensa contra incendios forestais (grupo III, categoría 100).

-Operador/a codificador/a de defensa contra incendios forestais (grupo IV, categoría 32).

-Condutor motobomba de defensa contra incendios forestais (grupo IV, categoría 33).

-Oficial 2ª mecánico de defensa contra incendios forestais (grupo IV, categoría 37).

-Emisorista de defensa contra incendios forestais (grupo V, categoría 10C).

-Vixilante fixo de defensa contra incendios forestais (grupo V, categoría 10B).

-Vixilante móbil de defensa contra incendios forestais (grupo V, categoría 10A).

-Peón condutor de defensa contra incendios forestais (grupo V, categoría 14A).

-Peón de defensa contra incendios forestais (Grupo V, categoría 14).

Base 2ª.-Solicitudes.

2.1. Os/as interesados/as en formar parte das listas deberán presentar a instancia conforme o modelo publicado como anexo I da presente resolución. Tamén pode descargarse da páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

As ditas instancias deberán ser cubertas segundo as instrucións publicadas xunto co citado modelo anexo I e dirixiranselle á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

2.2. O prazo para a presentación das instancias, dada a extremada urxencia na confección das listas por parte da Administración, será de dez (10) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As instancias presentaranse preferentemente no rexistro da Consellería de Medio Rural e nas súas delegacións provinciais ou ben no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.3. O ámbito territorial de prestación de servizos será o seguinte:

Distrito forestal segundo se especifica no anexo II desta resolución para as categorías dos grupos III, IV e V.

Ámbito autonómico para as categorías dos grupos I e II.

A elección do ámbito deberá especificarse na instancia e ata un máximo de tres nas categorías dos grupos III, IV e V.

Base 3ª.-Documentación.

Xunto coa instancia deberán presentarse os seguintes documentos (fotocopias compulsadas):

-DNI ou pasaporte.

-Titulación académica e demais requisitos exixidos para cada categoría.

1. Técnico superior de defensa contra incendios forestais (grupo I, categoría 38):

Enxeñeiro de montes e carné de conducir B.

2. Técnico forestal de defensa contra incendios forestais (grupo II, categoría 39):

Enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal así como en calquera caso carné de conducir B.

3. Xefe de cuadrilla de defensa contra incendios forestais (grupo III, categoría 100):

Técnico superior en xestión e organización de recursos naturais e paisaxísticos ou formación profesional de segundo grao equivalente ou capataz forestal.

En calquera dos casos ademais carné de conducir B.

4. Operador/a codificador/a de defensa contra incendios forestais (grupo IV, categoría 32):

Graduado escolar ou equivalente.

5. Condutor motobomba de defensa contra incendios forestais (grupo IV, categoría 33):

Graduado escolar ou equivalente e carné de conducir C.

6. Oficial 2ª mecánico de defensa contra incendios forestais (grupo IV, categoría 37):

Técnico en electromecánica de vehículos ou formación profesional de primeiro grao equivalente e carné de conducir B.

7. Emisorista de defensa contra incendios forestais (grupo V, categoría 10C):

Certificado de escolaridade ou equivalente.

8. Vixilante fixo de defensa contra incendios forestais (grupo V, categoría 10B):

Certificado de escolaridade ou equivalente.

9. Vixilante móbil de defensa contra incendios forestais (grupo V, categoría 10A):

Certificado de escolaridade ou equivalente e carné de conducir B.

10. Peón condutor de defensa contra incendios forestais (grupo V, categoría 14A):

Certificado de escolaridade ou equivalente e carné de conducir B.

11. Peón de defensa contra incendios forestais (grupo V, categoría 14):

Certificado de escolaridade ou equivalente.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberán estar en posesión do documento que acredite fidedignamente a súa homologación.

-Documento xustificativo de estar en posesión do curso de iniciación do idioma galego para os grupos IV e V e de perfeccionamento para os grupos I, II e III, homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. De non posuír os ditos cursos terase en conta o disposto na disposición transitoria do Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

-Xustificante de ter aboadas as taxas administrativas, por dereitos de inscrición, que para o ano 2007 ascende a 16,32 A. Estarán exentos do pagamento desta taxa os que posúan unha discapacidade igual ou superior ao 33%, así como as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de membros de categoría xeral, terán unha bonificación do 50%. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa instancia.

Para facer efectivo o ingreso da taxa deberase empregar o impreso de autoliquidación que se inclúe como anexo III desta convocatoria. O dito impreso facilitaráselles aos interesados no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia, e deben cubrilo cos códigos que figuran no referido anexo III.

A presentación do xustificante do ingreso das taxas no cal non figure o selo da entidade bancaria con indicación da data, determinará a exclusión do solicitante.

Poderase facer efectivo así mesmo o pagamento da taxa por internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. Para isto, deberán acceder á oficina tributaria, a través da oficina virtual na páxina web da Consellería de Economía e Facenda (www.economiaefacenda.org) e premer a ligazón «Taxas, prezos, multas e sancións» no menú da marxe esquerda. Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboada a taxa, que será o que se achegue xunto coa instancia. En ningún caso, a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación, en tempo e forma, da solicitude.

O importe aboado en concepto de dereitos de inscrición devolveráselles, logo dos trámites correspondentes, só aos solicitantes definitivamente excluídos que o soliciten, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da Dirección Xeral da Función Pública a que fai referencia o artigo 11 do Decreto 37/2006.

-Os méritos que aleguen os interesados, de acordo co establecido no artigo 9.bis letra a) número 2º, relativos a servizos prestados en concellos ou mancomunidades de municipios, deberán acreditalos mediante o certificado de servizos prestados que figura como anexo IV á presente resolución.

-Os méritos que aleguen os interesados, de acordo co establecido no artigo 9.bis letra b) relativos ao coñecemento do terreo deberán acreditalos mediante copia compulsada do certificado de empadroamento.

Base 4ª.-Requisitos.

-4.1. Os solicitantes deberán reunir, o mesmo día da publicación desta convocatoria no DOG, os requisitos establecidos no artigo 8 do Decreto 37/2006, relativos á titulación académica e os demais legalmente exixidos para participar na convocatoria pública das correspondentes probas selectivas. Igualmente deberán posuír o diploma ou certificado que acredite o grao de iniciación, para os grupos IV e V, ou perfeccionamento, para os grupos I, II e III do idioma galego, homologado polo órgano competente en materia de política lingüística. De non posuír os ditos cursos terase en conta o disposto na disposición transitoria do Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

4.2. Así mesmo, no momento de aceptación do posto de traballo obxecto de oferta, deberá acre

ditarse documentalmente o cumprimento dos seguintes requisitos:

-Ser español, ou nacional dalgún dos demais estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado no cal en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea, cando así o prevexa o correspondente tratado, e o dos nacionais dalgún Estado ao cal en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

Así mesmo, poderán participar os que, non estando incluídos nos parágrafos anteriores se atopen en España en situación de legalidade, sendo titulares dun documento que os hablilite para residir e para poder acceder sen limitacións ao mercado laboral. En consecuencia, poderán participar os que se atopen en situación de residencia temporal, os que se atopen en situación de residencia permanente, os que se atopen en situación para residir e traballar, así como os refuxiados.

-Ter cumpridos os 18 anos e non ter acadado a idade de xubilación.

-Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

-Non estar separado do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin inhabilitado por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas.

-Declaración de non estar incurso nalgún dos supostos da normativa en materia de incompatibilidades (Lei 53/1984, do 26 de decembro, e demais normativa concordante).

Base 5ª.-Méritos.

1. Os méritos a que se refire o artigo 9.bis do Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, DOG do 29 de xaneiro, que modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, acreditaranse segundo o establecido nesta base:

a) Os méritos a que se refire o artigo 9.bis letra a) punto 1º, servizos prestados na Xunta de Galicia na mesma categoría, e os recollidos nas letras c) e d) do mencionado artigo non será necesario que o /a interesado/a os xustifique por constar en poder da Administración.

b) Os méritos a que se refire o artigo 9.bis letra a) punto 2º, servizos prestados en concellos e mancomunidades de municipios da Comunidade Autónoma de Galicia na mesma categoría, categorías análogas ou asimilables serán acreditados, tanto polas persoas que soliciten a nova inclusión como por aquelas que xa están inscritas nas listas correspondentes a determinadas categorías de persoal laboral

dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Plan Infoga, mediante o modelo normalizado que figura no anexo IV á presente resolución, debidamente cuberto polo funcionario que se determine no citado anexo.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ao establecido anteriormente.

c) Os méritos aos que se refire o artigo 9.bis letra b), coñecemento do terreo, tanto as persoas que soliciten a nova inclusión como aquelas inscritas nas listas correspondentes a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Plan Infoga acreditarán os ditos méritos mediante copia compulsada do certificado de empadroamento.

En todo caso, só se terán en conta os méritos que o solicitante reúna o día 31 de decembro inmediato anterior e a orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo establecido neste artigo 9 bis.

2. No caso de empate, aplicarase o previsto no artigo 10 do Decreto 37/2006.

3. A actualización dos méritos correspondentes ao ano 2006, do persoal inscrito nas categorías de persoal dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Plan Infoga, prevista no artigo 12 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, queda en suspenso. A citada actualización levarase a cabo coa resolución pola que se fagan públicas as listas provisionais de admitidos e excluídos.

A actualización de méritos nos vindeiros anos será efectuada de oficio pola Administración no relativo aos méritos aos que se refire o artigo 9.bis letra a) punto 1º, servizos prestados na Xunta de Galicia na mesma categoría, e os recollidos nas letras c) e d) do mencionado artigo, conforme o previsto no artigo 12 do Decreto 37/2006.

No caso dos méritos aos que se refire o artigo 9.bis letra a) punto 2º, servizos prestados en concellos e mancomunidades de municipios da Comunidade Autónoma de Galicia na mesma categoría, categorías análogas ou asimilables, a actualización de méritos levarase a cabo no mes de xaneiro de cada ano, por instancia do interesado, mediante a presentación da solicitude que figura como anexo V a esta resolución, acompañada do certificado de servizos prestados no concello ou mancomunidade de municipios.

Base 6ª.-Elaboración das listas.

6.1. A comisión permanente central de selección á que se refire o artigo 4 do Decreto 37/2006, será a encargada de elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública o anuncio da exposición da listaxe correspondente ás puntuacións provisionais e definitivas para a súa publicación no DOG.

6.2. As ditas puntuacións poderanse consultar na páxina web da Consellería do Medio Rural, nas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no Servizo de Información Administrativa e Atención ao Cidadán en Santiago de Compostela, no Servizo de Información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia en Vigo e Ferrol, nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia e tamén poden descargarse da páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

6.3. De conformidade co disposto no artigo 6.2º do Decreto 37/2006, a comisión permanente central poderá propoñer ao titular da Dirección Xeral da Función Pública o peche de incorporación de novas solicitudes cando se aprecien as circunstancias establecidas neste artigo.

Base 7ª.-Modificación de ámbitos, datos persoais e/ou concello de empadroamento.

É de aplicación o establecido no artigo 7 do Decreto 37/2006, en relación coa modificación de ámbito e datos persoais.

As modificacións de ámbitos e/ou concello de empadroamento con respecto ás categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Plan Infoga, poderase realizar no mes de xaneiro de cada ano, tendo efectos na xestión das listas a partir do 1 de marzo seguinte. No caso de modificación do concello de empadroamento deberá presentarse xunto coa solicitude a copia compulsada do certificado de empadroamento.

Calquera modificación de ámbitos e/ou concello de empadroamento poderá afectar a baremación segundo se establece no artigo 9. bis letra b) do Decreto 5/2007.

Así mesmo e no relativo ao número de teléfono, poderase, en calquera momento consultar a través da páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) o teléfono de contacto así como, de ser o caso, a súa modificación.

Base 8ª.-Suspensión dos chamamentos.

No relativo á suspensión de chamamentos, tanto de oficio como por solicitude do/a interesado/a, deberá aplicarse o establecido no artigo 15 do Decreto 37/2006.

Base 9ª.-Probas físicas.

De acordo co establecido no anexo V do vixente convenio colectivo os traballadores das categorías de técnico superior de defensa contra incendios forestais, técnico forestal de defensa contra incendios forestais, xefe de cuadrilla, condutor de motobomba, peón condutor e peón de defensa contra incendios forestais, para poder ser contratados deberán superar previamente unha proba de aptitude física consistente en:

Proba do banco que consistirá en subir e baixar dun banco de 40 cm de altura para os homes e de 33 cm de altura para as mulleres, a razón de 90 movementos por minuto (22.5 veces minuto) durante un período de cinco minutos, sendo necesario para ser considerado apto obter como mínimo os parámetros de capacidade aeróbica, pola aplicación dos resultados da idade, peso e pulsacións segundo táboas propias desta proba: 38 puntos, agás no caso de condutores de motobomba que será de 35 puntos.

Os aspirantes das categorías de vixiante fixo e vixiante móbil deberán superar unha proba de agudeza visual na que tamén o resultado é apto ou non apto.

A Consellería do Medio Rural será a encargada de realizar a proba ao dito persoal; esta efectuarase

necesariamente antes de que se produzan chamamentos para cubrir postos de traballo das categorías convocadas en que é preciso a superación destas probas.

En caso de que algún interesado non se presentase á realización das probas ou non fose declarado apto quedaría automaticamente en suspenso na lista durante un ano; a segunda vez que o anterior sucedese sería excluído definitivamente da lista na que solicitou a inclusión.

Base 10ª.-Unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos e excluídos, aquelas persoas que non acrediten o grao de coñecemento do galego segundo o disposto na base 4.1 serán convocados a través dun anuncio no Diario Oficial de Galicia, no que se indicará o lugar e a data para a realización da correspondente proba de coñecemento do idioma galego, de conformidade co establecido na disposición transitoria do Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro. Esta proba consitirá en:

1. Para as categorías incluídas nos grupos I, II e III realizaranse dúas probas prácticas:

a. Unha de carácter escrito, consistente na redacción en lingua galega dun documento administrativo relacionado co obxecto de traballo destas categorías.

b. Unha de carácter oral, consistente na lectura dun texto en lingua galega e posterior resposta a un cuestionario de tres preguntas sobre as tarefas relacionadas coa prevención e/ou extinción de incendios.

c. Para as categorías incluídas nos grupos IV e V realizarase unha proba práctica de carácter oral consistente na lectura dun texto en lingua galega e resposta posterior a un cuestionario de tres preguntas sobre as tarefas relacionadas coa prevención e/ou extinción de incendios.

A Comisión Permanente Central será a encargada de declarar aptos ou non aptos os aspirantes que realizaran a devandita proba, podendo nomear para o efecto asesores especialistas.

A superación da proba de coñecemento do idioma galego só terá validez para as contratacións que se produzan no ano 2007, debendo os aspirantes acreditar o nivel de coñecemento de galego no período de actualización de méritos previsto no artigo 12 do Decreto 37/2006. No suposto que non acrediten este requisito, quedarán excluídos da lista correspondente na que solicitaron a inclusión.

Base 11ª.-Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde a mesma data ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, conforme o artigo 14.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2007.

María del Mar Rodríguez Fernández

Directora xeral da Función Pública