Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 2 de abril de 2013 Páx. 9641

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 18 de marzo de 2013 pola que se convocan para o ano 2013, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de carácter socioeconómico cofinanciadas nun 75 % co FEP.

Mediante a Orde do 6 de maio de 2010 (DOG nº 94, do 20 de maio) establecéronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de carácter socioeconómico cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca, en virtude do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP).

A devandita orde establece no artigo 3 que o crédito anual existente se fixará en cada orde de convocatoria.

Convén indicar, ademais, que segundo a Decisión C (2012)9373 de execución da Comisión que modifica a Decisión C (2007)6615, a taxa media de cofinanciamento do FEP é dun 75 % en todas as medidas.

Con base no anterior, procede convocar para o ano 2013 as axudas de carácter socioeconómico e fixar o crédito orzamentario, así como os criterios de selección que se aplicarán.

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso da competencia que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Convócanse para o exercicio 2013 axudas de carácter socioeconómico que se rexerán polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido na Orde do 6 de maio de 2010 (DOG nº 94, do 20 de maio).

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. Para o ano 2013 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.30.723A.780.0 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para ese ano, cun importe de 1.900.000 euros.

2. O importe fixado no punto anterior deste artigo poderase ampliar con fondos incorporados e remanentes adicionais, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

3. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEP nun 75 % e do Estado membro nun 25 %.

Artigo 3. Prazo de presentación de solicitudes

1. Para esta convocatoria de 2013 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Neste caso, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

2. A solicitude poderá presentarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es, de acordo ao establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e unha vez aprobada pola Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica. Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lles poida requirir a exhibición do documento orixinal en calquera momento da tramitación do procedemento, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Así mesmo, os interesados poderán tamén presentar a solicitude e a documentación indicada no artigo 12, punto 2, da orde reguladora destas axudas (Orde do 6 de maio de 2010) no Rexistro Único e de Información do Complexo Administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Disposición transitoria primeira

Para esta convocatoria do ano 2013, aqueles solicitantes da axuda por xubilación anticipada, que tivesen concedida a axuda nas convocatorias do ano 2011 e 2012 e renunciasen, non aceptasen ou fosen declarados decaídos no seu dereito de cobramento, quedarán inadmitidos na presente convocatoria.

Disposición transitoria segunda

Para esta convocatoria e para os efectos da prima pola compra do primeiro buque, a idade da embarcación deberá estar entre 5 e 20 anos.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file