Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 27 de marzo de 2013 Páx. 9341

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións de Xestión Universitaria -CIXUG

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2013 pola que se aproba a modificación dos estatutos do Consorcio e se acorda a súa publicación.

Con data do 7 de febreiro de 2013, as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo acordaron a modificación dos estatutos do Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG). Unha vez que se ten aprobado por unanimidade a dita modificación, segundo se regula no seu artigo 11, na reunión do Consello de Goberno do pasado 7 de febreiro de 2013, procede publicalos no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Para os efectos da necesaria publicidade e ao abeiro do artigo 6 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procede a súa difusión pública e a publicación no DOG.

Por todo o anterior, acórdase publicar os novos estatutos do Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG) que figuran como anexo a esta resolución.

Vigo, 21 de febreiro de 2013

Salustiano Mato de la Iglesia
Presidente do Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións
para a Xestión Universitaria

ANEXO

Estatutos do Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións de Xestión
Universitaria (CIXUG) formado polas universidades da Coruña,
Santiago de Compostela e Vigo

Título I
Disposicións xerais

Artigo 1. Disposicións xerais

As universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo constitúen, con personalidade xurídica propia, un consorcio, de conformidade co establecido no artigo 6.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2. Denominación e domicilio

O Consorcio denomínase Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións de Xestión Universitaria (CIXUG) e terá o seu domicilio no Pazo de San Xerome, praza do Obradoiro, Santiago de Compostela.

O Consello de Goberno do Consorcio será competente para acordar a creación de sucursais, delegacións, axencias, representacións ou outras dependencias do Consorcio en España ou no estranxeiro para a mellor realización das súas actividades. Tamén será competente para modificar o seu domicilio.

Artigo 3. Obxecto

O Consorcio, cun prazo de duración indefinida, terá como obxecto:

1. Os desenvolvementos informáticos e procedementais que poderán abranguer a xestión académica, a xestión da investigación, a xestión económica, a administración electrónica e os sistemas de información á dirección.

2. Solicitar subvencións e asinar convenios ou contratos que redunden en beneficio das entidades consorciadas.

3. Adquirir, de xeito centralizado, ferramentas informáticas, material científico e calquera outra subministración que comporte aforros para o conxunto das universidades.

4. Calquera outra actuación de xestión ou colaboración que así se acorde entre as partes.

Artigo 4. Membros

1. Son membros do Consorcio as tres universidades do SUG, nomeadamente a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo a partes iguais.

2. Poderán formar parte do Consorcio outras universidades, administracións educativas e outras entidades públicas ou privadas sempre que a súa incorporación permita un mellor cumprimento dos seus fins.

3. A incorporación de novos socios requirirá o acordo unánime do Consello de Goberno e nel determinarase a cota de participación no Consorcio. A aceptación dun novo membro implicará a aceptación sen reservas dos presentes estatutos.

4. O abandono dun membro do Consorcio deberá ser comunicado cando menos con seis meses de antelación á data de efectividade e aceptado polo Consello de Goberno do Consorcio, e debe, en todo caso, cumprir integramente coas obrigas anteriormente aprobadas polo Consorcio.

Artigo 5. Personalidade xurídica

O Consorcio regulado nestes estatutos constitúe unha entidade xurídica pública, dotada de personalidade xurídica plena e independente dos seus membros.

Artigo 6. Réxime xurídico aplicable

O Consorcio, como entidade pública que é, réxese polos presentes estatutos, polo Regulamento de réxime interno do Consello de Goberno e, supletoriamente:

1. Polo dereito público que resulte de aplicación ás entidades públicas participantes, en especial á organización e ao funcionamento dos órganos de goberno, de contratos e de réxime orzamentario.

2. Polo dereito privado, cando remita a el ou a iso non se opoña a normativa anterior.

Título II

Capítulo I
Órganos de goberno

Artigo 7. Atribucións

Para o cumprimento das finalidades descritas nestes estatutos, o Consorcio ten, entre outras, as seguintes atribucións:

1. Convocar procesos conxuntos ou separados de selección de contratistas en cada universidade ou para a totalidade das entidades participantes.

2. Realizar encargos a un dos socios ou entidades públicas ou privadas dependentes das entidades consorciadas.

3. A elaboración de estudos xerais sobre as necesidades comúns.

4. A promoción e coordinación dos proxectos e actividades que se leven a cabo en cumprimento dos fins consorciais.

5. A captación, aceptación, ordenación de cantos recursos económicos sexan precisos para o financiamento dos obxectivos e fins propios do Consorcio e das súas entidades consorciadas.

6. A conclusión de cantos contratos ou convenios con persoas físicas ou xurídicas sexan necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.

7. A creación de comisións ou entidades instrumentais para a consecución dos seus fins.

8. A subscrición de contratos-programa entre o Consorcio e cada entidade consorciada ou entre o propio Consorcio e outras administracións públicas.

9. Calquera outra que, con suxeición á lexislación vixente, poida garantir o completo cumprimento dos seus fins.

Artigo 8. Órganos de goberno

O Consorcio estará rexido polos seguintes órganos de goberno:

1. Consello de Goberno.

2. Presidente.

3. Secretario.

4. Comisións executivas.

O Consello de Goberno será o órgano superior de goberno do Consorcio e estará formado por tres representantes de cada unha das entidades consorciadas designados por estas.

No suposto da incorporación de novos membros ao Consorcio, o Consello decidirá o número de representantes que corresponderán a cada un deles e que serán designados pola institución correspondente.

A Presidencia do Consello de Goberno será desempeñada, de forma rotatoria, por un dos representantes das universidades consorciadas, cunha duración de catro anos, que será elixido na primeira sesión que teña lugar.

Será secretario do Consorcio un dos membros do Consello de Goberno que se designe, que deberá ser elixido de entre os representantes das universidades que non exerzan a presidencia. A Secretaría será desempeñada de forma rotatoria cunha duración igual á da Presidencia.

Artigo 9. Mandato

A duración do mandato dos membros do Consello de Goberno será de catro anos, sen prexuízo de poder ser reelixido pola entidade que representa por períodos sucesivos. Non obstante o anterior, a perda da condición pola que foi elixido na entidade que representa, determina automaticamente a perda da condición de membro do Consello.

Capítulo II

Artigo 10. Competencias dos órganos de goberno

1. Consello de Goberno.

Serán membros do Consello de Goberno tres representantes designados por cada unha das universidades.

No caso de incorporarse novos membros, poderá reaxustarse o número de representantes de cada entidade consorciada.

A representación dos membros tenderá a ser paritaria entre homes e mulleres.

2. Son competencias do Consello de Goberno:

1. A aprobación do programa xeral de actividades.

2. A aprobación e liquidación do orzamento ordinario.

3. A aprobación de programas de investimento.

4. A adquisición de bens inmobles destinados ao cumprimento do obxecto do Consorcio.

5. A aprobación de cantos convenios sexan precisos para o cumprimento dos seus fins.

6. O artellamento de programas que reciban achegas do sector público comunitario, estatal, autonómico ou local e dos sectores privados, universitarios ou organizacións internacionais.

7. A aprobación e adxudicación de cantos contratos sexan precisos para o cumprimento dos seus fins.

8. A autorización e disposición de gastos e pagamentos dentro dos límites orzamentarios, agás delegación expresa.

9. A aprobación de incorporación ao Consorcio doutras universidades ou entidades públicas ou privadas, de acordo co previsto nestes estatutos.

10. A aprobación das accións administrativas e xudiciais.

11. Interpretar os estatutos do Consorcio e establecer as normas de réxime interno e as complementarias que sexan precisas, de acordo coa lexislación vixente.

12. Acordar a modificación dos estatutos, a separación de membros do Consorcio por incumprimento ou a extinción do Consorcio.

13. A aprobación de normas de réxime interno do Consorcio e os regulamentos de funcionamento das comisións.

14. Calquera outra de índole xeral e análoga ás anteriores conforme a lexislación vixente.

Agás as competencias establecidas nos puntos 2, 4, 9, 11, 12 e 13, o resto poderán ser delegadas en comisións ou en outros órganos de goberno e de xestión.

3. Son competencias do presidente do Consello de Goberno:

1. Representar legalmente o Consorcio nos actos, convenios e contratos en que este debe intervir e ante as autoridades e tribunais de toda clase, para o cal poderá outorgar os apoderamentos que considere oportunos.

2. Velar polo estrito cumprimento dos preceptos destes estatutos, dos acordos adoptados polo Consello de Goberno e, en xeral, das normas aplicables en cada caso.

3. Executar os acordos adoptados polo Consello de Goberno.

4. Ordenar os pagamentos.

5. Aprobar as transferencias e as xeracións de crédito.

6. Ordenar a convocatoria das sesións do Consello de Goberno, fixar a orde do día, presidir e dirixir as deliberacións.

7. Autorizar, co seu visto e prace, as actas das reunións e as contas e o inventario de bens.

8. Todas aquelas que lle foran delegadas polo Consello de Goberno.

9. A ordenación de pagamentos, as transferencias e xeracións de créditos poderán delegarse noutros órganos do Consorcio.

As facultades do presidente do Consello de Goberno, relacionadas coa xestión e administración do Consorcio, para a dirección constante e inmediata da súa actividade poderán ser conferidas, mediante apoderamento do mencionado presidente, a favor do xerente ou da persoa que aquel libremente determine.

O presidente do Consello poderá ser substituído temporalmente por ausencia ou enfermidade e para asuntos de simple trámite polo secretario, facendo constar esta circunstancia.

4. O secretario do Consorcio.

O secretario do Consorcio será tamén o do Consello de Goberno do Consorcio. Actuará con voz e voto e terá como funcións redactar a acta dos acordos, expedir certificacións e convocar as reunións por orde do presidente.

5. Comisións.

Para a xestión ordinaria do Consorcio, así como para elevar as propostas sobre os temas de competencia do Consello de Goberno, nomearase unha comisión executiva formada por dous representantes de cada entidade, dos que un dos membros debe ser necesariamente un membro do Consello de Goberno do Consorcio.

O Consello de Goberno poderá crear comisións técnicas coa representación e as competencias que se determinen no acordo de creación.

Tamén poderán crearse comisións especializadas ou grupos de traballo para o estudo e a análise dos temas que se lle encomenden.

Artigo 11. Sesións

O Consello de Goberno reunirase, polo menos, unha vez ao semestre en sesión ordinaria e sempre que o presidente o considere oportuno ou o soliciten, polo menos, o 30 % dos membros.

As convocatorias para as sesións do Consello, xa sexan as ordinarias ou as extraordinarias, faraas o presidente, ou quen teña delegadas as súas funcións, mediante notificación escrita ou por correo electrónico a cada membro, dirixida ao enderezo previamente indicado por estes.

As sesións convocaranse con, polo menos, seis días de anticipación á data en que deba realizarse, agás nos casos de urxencia recoñecida a xuízo do presidente. Na convocatoria indicaranse os puntos que se van tratar, o día e a hora; estas terán lugar no domicilio social do Consorcio, agás que expresamente se indique outro.

Tamén se poderá convocar ás súas sesións a calquera persoa que se considere oportuno para os temas relacionados con algún punto da orde do día.

Entenderase validamente constituído o Consello de Goberno para tomar acordos cando en primeira convocatoria concorran á sesión o presidente, o secretario e a maioría dos seus membros, e entre eles, necesariamente, o presidente e o secretario.

En segunda convocatoria, a constitución do Consello será válida cando asistan un terzo dos seus membros, e entre eles, o presidente e o secretario.

Nas citacións aos membros do Consello de Goberno sinalarase o día e a hora da primeira e segunda convocatoria, entre esta e a primeira debe mediar un prazo mínimo de media hora.

O Consello de Goberno adoptará os seus acordos por maioría cualificada de dous terzos dos conselleiros presentes.

O Regulamento de réxime interno e estes estatutos determinarán os acordos que exixan da unanimidade dos seus membros.

Artigo 12. Sesións especiais

Cando estea reunida e presente a totalidade dos membros do Consello de Goberno do Consorcio, poderá constituírse en Consello de Goberno. Nese mesmo acto procederán a fixar a orde do día do Consello e diso redactarase a correspondente acta.

Artigo 13. Votos

Os votos dos membros do Consello de Goberno poderán delegarse tanto en representantes da entidade que representan como doutra entidade distinta. A delegación deberá constar expresamente e por escrito e o voto delegado considerarase para efectos de quórum.

A ponderación dos votos poderá modificarse, logo de acordo do Consello de Goberno, en función da integración de novos socios ou da participación no capital do Consorcio.

O acordo de ampliación ou de incorporación de novos socios incluirá a cota de participación nos órganos de goberno.

Artigo 14. Réxime supletorio e de impugnacións

1. Os acordos e os actos do Consello de Goberno do Consorcio, no non previsto nos presentes estatutos, axustaranse ao establecido nas normas sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As súas decisións esgotarán a vía administrativa e contra elas só se poderá interpoñer recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa.

2. O establecido nos artigos 11, 12 e 13 será de aplicación supletoria ás comisións mentres tanto non teñan aprobado un regulamento de funcionamento.

Título III
Relacións entre o Consorcio e as entidades consorciadas

Artigo 15. Relacións entre o Consorcio e as entidades consorciadas

1. O Consorcio, dentro do seu ámbito, promoverá accións destinadas ao desenvolvemento de iniciativas comúns ou particulares de cada unha das entidades consorciadas. Neste último caso, o Consello de Goberno determinará a distribución de bens, servizos e fórmulas de xestión de créditos destinados a este obxectivo.

2. As accións encomendadas ao Consorcio poderán ser executadas directamente por este ou ben a través de cada unha das entidades consorciadas ou das súas entidades instrumentais, de conformidade co que acorde o Consello de Goberno ou se estableza en normas de réxime interno. A xestión económica poderá realizarse conforme se establece no artigo 20.

Título IV
Patrimonio e réxime económico

Artigo 16. Patrimonio

O patrimonio do Consorcio pode estar constituído por toda clase de bens, mobles e inmobles, e dereitos de calquera natureza, sen outras limitacións que as establecidas polas leis.

Artigo 17. Destino e alleamento do patrimonio

Os bens inmobles, instalacións ou bens de natureza moble e dereitos que constitúen a dotación do Consorcio destinaranse con carácter permanente ao cumprimento directo das finalidades do Consorcio, e só poderán allearse a título oneroso e nas condicións establecidas para as entidades públicas.

Artigo 18. Recursos

Os recursos do Consorcio están constituídos:

1. Polas achegas e subvencións outorgadas polas entidades integradas no Consorcio.

2. Polas achegas, subvencións, auxilios e donativos doutras entidades públicas ou privadas e as transmisións a título gratuíto que ao seu favor fagan os particulares.

3. Polos ingresos produto das cotas de utilización dos servizos polos usuarios.

4. Por calquera outra que lle corresponda recibir.

Artigo 19. Orzamento

O Consello de Goberno aprobará anualmente o orzamento ordinario do Consorcio, e igualmente a liquidación de cada un dos orzamentos anuais, así como o estado de contas e balances.

Artigo 20. Delegación

Por acordo do Consello de Goberno, poderá delegar nunha ou en varias das entidades que o compoñen o exercicio de actividades ou o pagamento dos compromisos adquiridos polo Consorcio. Este pagamento constituirá efecto liberatorio para o Consorcio.

Así mesmo, o Consorcio poderá contratar con terceiros ou delegar nas propias universidades partes da xestión e organización ordinaria do Consorcio.

Artigo 21. Participación

As distintas entidades consorciadas achegarán, en partes iguais, os importes necesarios para o funcionamento ordinario da institución.

No resto das actuacións, o Consello de Goberno determinará a porcentaxe de participación de cada parte. A porcentaxe de participación determinará o grao de responsabilidade de cada entidade.

A responsabilidade polo exercicio de accións comúns será mancomunada en función da achega de cada parte.

Título V
Órgano de contratación

Artigo 22. Órgano de contratación

O presidente do Consorcio é o órgano de contratación do Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións de Xestión Universitaria e está facultado para subscribir, no seu nome e representación, os contratos en que interveña.

A contratación que celebre o CIXUG estará sometida á lexislación de contratos do sector público e deberase suxeitar aos procedementos de adxudicación nela regulados.

Artigo 23. Delegación

Segundo se establece no artigo 16 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o presidente delega no xerente do CIXUG a tramitación, resolución e subscrición dos contratos menores, tal e como se definen no artigo 138.3 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

Artigo 24. Mesa de contratación

O órgano de contratación estará asistido, para a adxudicación dos contratos non delegados estipulados no artigo 23, dunha mesa de contratación.

A súa composición e funcionamento axustarase, coas peculiaridades propias do Consorcio, ao establecido na lexislación de contratos do sector público e á de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, podendo incorporar persoal cualificado das universidades que compoñen o Consorcio, sen ser membros dos seus órganos de goberno.

Órganos de xestión ou de administración

Artigo 25. Da administración, xestión e asesoramento

O Consorcio poderá organizarse administrativamente segundo decida o Consello de Goberno.

Artigo 26. Xerente

O Consello de Goberno poderá nomear un xerente que se ocupe da xestión ordinaria do Consorcio. Desenvolverá todas as funcións propias do seu posto e todas aquelas para o exercicio das cales o Consello de Goberno ou o presidente lle poidan apoderar, de conformidade cos presentes estatutos e co que dispón a lexislación vixente.

O xerente asistirá ás sesións do Consello de Goberno con voz pero sen voto.

Artigo 27. Persoal técnico e administrativo

O Consorcio, se o Consello de Goberno o considera necesario, poderá dispoñer de persoal administrativo e técnico que terá as categorías, retribucións, dereitos e obrigacións que o propio Consello estableza. Así mesmo, cada entidade consorciada poderá destinar temporalmente persoal propio en comisión de servizos para a realización de actividades do Consorcio. Tamén poderá nomear colaboradores temporais para o exercicio de funcións concretas derivadas das súas competencias.

Título VI
Separación de membros por incumprimento

Artigo 28. Separación de membros por incumprimento

O incumprimento grave e reiterado destes estatutos, das súas normas de desenvolvemento e dos acordos dos órganos de goberno do Consorcio poderá dar lugar á separación dos membros. Para estes efectos, deberá darse audiencia previa á entidade incumpridora. O acordo tomarao o Consello de Goberno por maioría absoluta dos representantes das restantes entidades. En todo caso, deberá cumprir as obrigas que tivesen contraído.

Título VII
Modificación e extinción

Artigo 29. Modificación dos estatutos

O Consello de Goberno poderá acordar a modificación dos estatutos do Consorcio sempre que resulte adecuada en interese deste, así como, se for necesario, para o mellor cumprimento das finalidades fundacionais.

O acordo de modificación deberá adoptarse de conformidade co disposto no artigo 11 dos presentes estatutos.

Artigo 30. Liquidación

En caso de retirada dalgunha das entidades que forman parte do Consorcio, procederase á liquidación da súa achega tendo en conta a obriga de asumir os compromisos adquiridos con anterioridade.

No suposto de que todas as entidades desexen extinguir o Consorcio requirirase:

1. O acordo unánime do Consello de Goberno.

2. O nomeamento dunha comisión liquidadora que se encargará da concreción das cantidades resultantes de cada entidade en función do achegado por cada parte e a distribución do inventario común.

3. A ratificación do acordo da Comisión Liquidadora polo Consello de Goberno e a comunicación ás entidades participantes.