Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2017 Páx. 28724

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2017 pola que se convocan para o ano 2017 as subvencións do Programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

Esta resolución ten por obxecto a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións do Programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios previsto no Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016 (en diante, Plan estatal 2013-2016).

Para estes efectos, debe terse en conta que no Boletín Oficial del Estado número 298, do 10 de decembro de 2016, se publicou o Real decreto 637/2016, do 9 de decembro, polo que se prorroga durante un ano o citado Plan estatal 2013-2016.

Estas axudas réxense pola Orde do 9 de marzo de 2015, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se establecen as bases reguladoras aplicables a este programa, en atención ao previsto no artigo 13 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O informe de avaliación dos edificios, cuxo modelo figura no anexo II do Plan estatal 2013-2016, será obrigatorio para os edificios de tipoloxía residencial colectiva, nos termos establecidos na disposición transitoria segunda do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, e configúrase, ademais, como un requisito necesario para solicitar axudas públicas destinadas a acometer obras de conservación, accesibilidade universal ou eficiencia enerxética en edificios de tipoloxía residencial colectiva, dispor deste informe con data anterior á formalización da solicitude das axudas.

Esta convocatoria axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade co establecido nos artigos 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 12 da citada Orde do 9 de marzo de 2015,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións do Programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios para a anualidade 2017, código de procedemento VI437A.

2. Estas subvencións están destinadas a cubrir parte dos gastos dos honorarios profesionais derivados da emisión dun informe de avaliación dos edificios que inclúa a análise das condicións de accesibilidade, eficiencia enerxética e do seu estado de conservación.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións do Programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios previstas nesta convocatoria están aprobadas pola Orde do 9 de marzo de 2015 (DOG núm. 63, do 6 de abril).

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.780.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, polo importe de 600.000 €.

2. As achegas estarán supeditadas ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, no marco do Plan estatal 2013-2016, prorrogado polo Real decreto 637/2016, do 9 de decembro.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de persoas ou de entidades beneficiarias destas axudas as comunidades de propietarios/as e as agrupacións de comunidades de propietarios/as, legalmente constituídas, así como as persoas físicas propietarias únicas de edificios de carácter predominantemente residencial, que conten co informe de avaliación do edificio na data de presentación da solicitude e que cumpran os demais requisitos sinalados no artigo 4 das bases reguladoras.

2. Non poderán obter a condición de persoas ou de entidades beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou aquelas a quen se lle revogase algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou á entidade solicitante.

Quinto. Contía das subvencións

A contía da subvención será equivalente a unha cantidade máxima de 20 euros por cada unha das vivendas de que conste o edificio e unha cantidade máxima de 20 euros por cada 100 m2 de superficie útil de local, sen que en ningún caso poida superar a cantidade de 500 euros nin o 50 % do custo do informe de avaliación do edificio, excluído o IVE correspondente.

Sexto. Criterios de valoración

A valoración das solicitudes efectuarase de acordo cos seguintes criterios:

a) Terán prioridade as solicitudes relativas aos edificios de maior antigüidade.

b) No caso de igual antigüidade, terán preferencia as solicitudes relativas aos edificios con maior número de vivendas.

c) Se persistir o empate, este resolverase atendendo á orde cronolóxica da data de presentación da solicitude de subvención, con prioridade para as de data anterior sobre as de data posterior. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Oitavo. Solicitudes de subvención

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, que está dispoñible tamén na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberase dirixir á Dirección Xeral do IGVS.

2. As comunidades de propietarios/as, as agrupacións de comunidades de propietarios/as e as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presenten a súa solicitude presencialmente, serán requiridas para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de que a persoa ou a entidade non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para o mesmo edificio e a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa ou á entidade solicitante para este mesmo edificio e finalidade.

c) Declaración responsable de que non se lle revogase ningunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda, por causas imputables á persoa ou á entidade solicitante.

d) Declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu Regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración de que todos os datos da solicitude son correctos.

Noveno. Documentación complementaria

1. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) De ser o caso, acreditación da representación da persoa que actúe en nome da persoa propietaria única do edificio.

b) Acta de constitución da comunidade de propietarios/as ou do documento de constitución como agrupación de comunidades de propietarios/as.

c) Certificado de quen exerza as funcións de secretario/a da comunidade de propietarios/as ou da agrupación de comunidades de propietarios/as en que se recolla tanto o acordo de solicitar as axudas do programa de apoio á implantación do informe de avaliación como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente a comunidade de propietarios/as ou a agrupación de comunidades de propietarios/as, conforme o modelo que se xunta a esta resolución como anexo II.

d) Informe de avaliación do edificio, cos contidos que figuran no anexo II do Plan estatal 2013-2016, debidamente completado e subscrito por técnico/a competente, ou documento análogo que inclúa todos os aspectos que forman parte do citado anexo, cuberto e subscrito por técnico/a competente.

e) Factura de honorarios, emitida polo/a profesional ou profesionais que redactaron o informe. A factura incluirá o IVE.

f) Documentación xustificativa do gasto realizado, mediante transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento do informe de avaliación, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa ou a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas ou as entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o IGVS poderá requirirlle a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Décimo. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As comunidades de propietarios/as, as agrupacións de comunidades de propietarios/as e as súas persoas representantes deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que se presentase a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas físicas deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. As persoas ou as entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. No caso de que os documentos que se presenten superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, seguiranse para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/documentacion-de-gran-tamano

Décimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa solicitante e, se for o caso, da persoa representante.

b) Certificacións da AEAT, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cando as persoas e as entidades interesadas se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar nos correspondentes cadros habilitados para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas e ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo segundo. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS. Para a selección das persoas e das entidades beneficiarias constituirase unha comisión de valoración composta polas persoas sinaladas no artigo 11.2 das bases.

2. Corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión ou denegación das axudas solicitadas.

Décimo terceiro. Procedemento de concesión

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación da presente resolución de convocatoria.

2. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

Décimo cuarto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas ou das entidades interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos, accedendo á carpeta do cidadán da persoa ou da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo quinto. Prazo de resolución e recursos

1. O prazo para resolver e notificar a concesión da axuda será de tres (3) meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes. Finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas e as entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS nun prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Décimo sexto. Xustificación e pagamento das subvencións

1. O gasto realizado xustificarase mediante as transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento do informe de avaliación, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De conformidade co artigo 16 das bases reguladoras, a subvención, unha vez que sexa recoñecida, aboarase nun só pagamento, mediante transferencia bancaria á conta de titularidade da persoa ou entidade beneficiaria sinalada para estes efectos no anexo I.

Décimo sétimo. Notificacións

1. As comunidades de propietarios/as, as agrupacións de comunidades de propietarios/as e as súas persoas representantes están obrigadas a recibir as notificacións das resolucións e demais actos administrativos só por medios electrónicos. Para estes efectos, no anexo I deberán optar pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, unha opción diferente.

2. No caso das persoas físicas, as notificacións das resolucións e demais actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. Non obstante deberán manifestar expresamente no anexo I a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Sen prexuízo do anterior, poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia para que poida acceder ao contido delas de forma voluntaria.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas e ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro dos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo oitavo. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas e as entidades interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento e de informar as persoas e as entidades interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central s/n, Polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a rehabilitacion.igvs@xunta.gal

Décimo noveno. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas e das entidades beneficiarias e o importe das subvencións concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido das convocatorias que se realicen ao abeiro desta resolución serán publicados na Base de datos nacional de subvencións e os seus extractos no Diario Oficial de Galicia.

Vixésimo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017

Ethel María Vázquez Mourelle

Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file