Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 12 de xullo de 2016 Páx. 29839

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de xuño de 2016 pola que se convocan probas para a renovación da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

De conformidade co establecido no artigo 6.1 do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas (DOG núm. 24, do 5 de febreiro), para desenvolver a función de control de acceso deberá contarse coa habilitación da dirección xeral con competencia na materia, tras a obtención do certificado acreditativo de superar as probas previstas no artigo 5 da norma mencionada, expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública.

Tendo en conta o exposto no Decreto 75/2015, do 21 de maio, polo que se modifica o referido Decreto 8/2010, a vixencia da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas é de 5 anos desde a data da súa expedición.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta orde é a aprobación das bases xerais e a convocatoria das probas para a renovación da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

Segundo. Documentación

Todos/as os/as aspirantes que desexen renovar a habilitación deberán, presentar a solicitude debidamente cuberta axustada ao modelo oficial que se publica no anexo I desta orde.

Xunto coa solicitude remitirase a seguinte documentación:

– Copia compulsada do DNI ou NIE do/da solicitante, no caso de que o/a interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

– Certificado de antecedentes penais, expedido polo Ministerio de Xustiza.

– Xustificante do ingreso da taxa, co selo da entidade bancaria con indicación da data.

– Copia do xustificante da situación actual de desemprego, no caso de non autorizar a súa consulta ao Servizo Público de Emprego Estatal.

– Copia do xustificante de ter unha discapacidade igual ou superior ao 33 %. No suposto de que fose expedido pola Xunta de Galicia, soamente se entregará se non autoriza a súa consulta.

– Dúas fotografías tamaño carné de identidade.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación da solicitude de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número de código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceiro. Taxa

Conforme dispón a Lei 6/2003, do 9 de setembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo a modificación introducida pola Lei de orzamentos para o ano 2011, a taxa por participación nas probas para obter a certificación acreditativa da habilitación será de 49,90 euros, que serán ingresados mediante o modelo xeral de autoliquidación de taxas.

Poden acceder a el desde a páxina web da Axencia Tributaria de Galicia (www.atriga.es), a través da cal poderán pagar, no caso de non ter certificado dixital, de forma presencial na entidade colaboradora, das cales existe unha listaxe pública nesa mesma páxina web, ou telematicamente con tarxeta bancaria. No caso de ter certificado dixital, poderá pagar accedendo á oficina virtual, de forma presencial, telematicamente mediante cargo na conta ou con tarxeta.

As/os aspirantes deberán cubrir, nas epígrafes habilitadas para o efecto no referido modelo de autoliquidación de taxas, tanto se o pagamento se fai de xeito presencial na entidade colaboradora como telematicamente a través da oficina virtual da Axencia Tributaria de Galicia, os seguintes códigos:

Consellería de: Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Código: 04.

Delegación de Pontevedra.

Código: 40.

Servizo de Academia Galega de Seguridade Pública.

Código: 19.

Taxa. Denominación: participación nas probas para obter certificación acreditativa da habilitación.

Código: 30.48.01.

Total: 49,90 euros.

Ademais as/os aspirantes cubrirán os seus datos persoais nas epígrafes reservadas para tal fin no devandito modelo.

Están exentos do pagamento desta taxa:

1. As/os aspirantes que figuren inscritas/os como desempregados no Instituto Nacional de Emprego, que poderán autorizar a comprobación desta situación pola Administración, ou presentar o certificado acreditativo desta.

2. As/os aspirantes que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, acreditando documentalmente tal situación, agás no caso de que a situación de discapacidade fose expedida pola Xunta de Galicia, en tal suposto pode autorizar a súa consulta ou ben presentar tal certificación.

A falta de xustificación do pagamento íntegro da taxa por dereitos de exame, dentro do prazo de presentación de solicitudes, determinará a exclusión da/do aspirante do proceso, sen que sexa posible emendar tal deficiencia nun momento posterior.

Cuarto. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinto. Consentimentos e autorizacións

A tramitación deste procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, o modelo de solicitude que figura como anexo I desta orde, inclúe autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos nesta orde.

As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade a formulación da proposta de resolución.

Sexto. Admisión

Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o/a titular da Dirección Xeral da Agasp ditará resolución que su publicará no Diario Oficial de Galicia, na cal se declarará aprobada a relación provisoria de admitidos/as excluídos/as, indicando a causa ou motivo da exclusión, no prazo máximo dun mes contado desde a expiración do prazo de presentación de solicitudes.

Os/as aspirantes que figuren na relación provisional como excluídos disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contados a partir da publicación de tal resolución, co fin de emendar, se é o caso, as deficiencias que motivaron a súa exclusión, de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra a resolución da Dirección Xeral da Agasp que faga pública a relación definitiva de aspirantes admitidos/as e excluídos/as poderá interpoñerse recurso administrativo nos termos previstos pola Lei 30/1992, referida con anterioridade.

Sétimo. Data, tribunal cualificador e lugar de realización

A data e a composición do tribunal cualificador das probas correspondentes a esta convocatoria coñeceranse na resolución que faga pública a relación definitiva de aspirantes admitidas/os á realización destas.

A proba realizaranse na sede da Agasp (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

O tribunal que cualificará estas probas será nomeado pola Dirección Xeral da Agasp, estará composto por un número impar de membros. O réxime xurídico aplicable ao tribunal cualificador é o que establece para os órganos colexiados a Lei 30/1992, do 26 de novembro (título I, capítulo II, artigos do 22 ao 29).

O tribunal poderá dispoñer a incorporación de asesores/as técnicos/as especialistas, debido á especificidade da proba que se vai desenvolver, e poderá solicitar da Agasp a designación de persoal colaborador, cando o número de aspirantes o faga conveniente.

Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede nas dependencias da Agasp designadas para tal fin.

Oitavo. Proba: contido e realización

Para obter a renovación da habilitación será necesario superar un test psicolóxico, que se realizará na sede da Agasp (avenida da Cultura, s/n, A Estrada. Pontevedra).

A data e a hora da súa realización, publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agasp, na resolución que faga pública a listaxe definitiva de admitidos e excluídos para a realización desta proba.

Os/as aspirantes deberán acudir á realización da proba portando o DNI, pasaporte ou permiso de residencia e traballo en España, serán chamados por orde alfabética e decaerán no seu dereito de participación os e as que non comparezan, agás os casos de forza maior debidamente xustificados.

O tribunal cualificador poderá en calquera momento durante a realización da proba requirir aos/ás aspirantes a acreditación da súa identidade.

O tempo para a realización da proba será como máximo noventa (90) minutos e cualificarase de apto/a ou non apto/a.

Concluída a proba, no prazo máximo de dez (10) días, o tribunal elevará á Dirección Xeral da Agasp a relación de aspirantes declarados/as aptos/as, que procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a remisión desta á dirección xeral con competencia en materia de espectáculos públicos.

Así mesmo, esta listaxe definitiva publicarase na páxina web da Agasp.

Noveno. Información aos/as interesados/as

Sobre esta convocatoria poderase obter información adicional na Academia Galega de Seguridade Pública, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (http://agasp.xunta.es/es).

b) No enderezo electrónico: formacion.agasp@xunta.es

c) No teléfono da Agasp: 886 20 61 10.

d) No Servizo de Formación en Seguridade Pública na Agasp (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

Décimo. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «persoal de control de acceso» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Academia Galega de Seguridade Pública. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agasp, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra, ou a través dun correo electrónico a agasp@xunta.es

Décimo primeiro. Expedición da habilitación do persoal de control de acceso

As/os aspirantes que superaron as probas deberán presentar unha solicitude dirixida á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior axustada ao modelo normalizado que figura como anexo II desta orde (código PR473B) xunto co xustificante de ter aboado a correspondente taxa, para que lle sexa expedida a habilitación prevista no artigo 6 do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, necesaria para desenvolver a función de control de acceso, xunto co distintivo que os identifique e acredite como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

As solicitudes poderanse presentar en calquera das modalidades previstas na disposición cuarta desta orde no prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación definitiva das/os aspirantes que superaron as probas no Diario Oficial de Galicia.

O pagamento da taxa poderá facerse en calquera das modalidades previstas na disposición terceira desta orde e deberanse cubrir os seguintes códigos no modelo de autoliquidación:

Consellería de: Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Código: 04.

Delegación de servizos centrais.

Código: 13.

Servizo de Interior e Espectáculos Públicos.

Código: 20.

Taxa. Denominación: expedición e renovación da habilitación.

Código: 30.48.02.

Total: 5,86 euros.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file