Inicio » Internacional, Euskal Herria » A FPG participa no acto ‘polos dereitos civís e políticos’ do pobo vasco

A FPG participa no acto ‘polos dereitos civís e políticos’ do pobo vasco

O 20 de xaneiro unha delegación da Dirección Nacional da FPG trasladouse até Bilbo convidados pola esquerda abertzale para coñecer a situación actual que vive Euskal Herria e a súa loita de liberación nacional e social.

En rolda de prensa realizada na tarde dese día Joseba Álvarez trasladou aos medios a decisión de aprazar o acto de clausura do proceso Bide Eginez previsto para o día seguinte no Bilbo Exhibition Centre (BEC) e presentou ás delegacións internacionais, entre as que se encontraba por Galiza o noso Partido (ver Gara).

Ao día seguinte o conxunto das delegacións internacionais trasladámonos até Barakaldo onde miles de persoas tomaron a explanada do BEC nun multitudinario acto convocado por cidadás e cidadáns anónimos en defensa dos dereitos civís e políticos do pobo vasco. A delegación da FPG foi testemuña dun acto político “histórico” que contou co apoio e a intervención de diversos partidos, da maioría sindical de Euskal Herria e das delegacións estranxeiras que alí estivemos. En nome destas falou o compañeiro Aengus Ó Snodaigh, do Sinn Féin, quen, acompañado de todas as delegacións e rodeado coas bandeiras de todas as nacións representadas, esixiu a fin da ilegalización de Batasuna e do macroproceso 18/98 e rematou a súa intervención afirmando que “o noso día chegará”. A intervención das delegacións estranxeiras rematou co canto conxunto d’A Internacional. Subiron despois ao escenario portavoces de EA, Aralar, AB, Zutik, Batzarre, Batasuna, ANV, ELA, LAB, ESK, STEE, HIRU e EHNE.

Tras varias intervencións e cun “Gora Euskal Herria askatuta” iniciou Arnaldo Otegi a súa aplaudida intervención quen afirmou que o que estivo en xogo nesas semanas era moito máis que se Batasuna facía o seu Congreso ou non, “o pulso está noutro sitio. E non é un pulso xurídico, senón un pulso político. É o pulso entre os que queren alongar o conflito e a opresión, os que non queren unha solución, os que temen a Euskal Herria, frente aos que queremos a solución, a democracia e a liberdade”. O dirixente da esquerda independentista vasca dixo, dirixíndose aos Estados español e francés, “pídennos que a esquerda abertzale faga unha aposta polas vías democráticas. Esa é precisamente a nosa loita. Ao que emprazamos aos estados español e francés é a que fagan eles unha aposta polas vías democráticas e pacíficas. Correspóndelle a eles facer esa aposta, que significa que se lle debe un respecto á nación vasca, ás cidadás e cidadáns de Euskal Herria e que se debe aceptar con deportividade democrática o que as vascas e os vascos decidan finalmente”. Otegi rematou a súa intervención confiando en que vai haber proceso de paz e que se vai acadar un escenario democrático, “nesta conxuntura imos actuar con dignidade, para seguir mantendo en alto a bandeira da libre determinación, con rebeldía, para facer frente ás agresións dos estados, e con compromiso, para acadar unha Euskal Herria na que os vascos e as vascas decidamos o que queremos ser”.

Etiquetas: