Ficción converterá o «Dragal» de Elena Gallego en cine e videoxogos

C. F. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A adaptación cinematográfica podería combinar imaxe real e animación e ter un derivado nunha serie para público infantil ou adolescente

21 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O mundo do dragón que protagoniza a triloxía Dragal, de Elena Gallego Abad, está a punto de converterse nun argumento multiplaforma que chegará ao cine, aos videoxogos e as redes sociais como un argumento que foi cualificado na presentación de onte como «galego e moi universal».

Ficción Produciones, Edicións Xerais de Galicia e máis a autora das tres novelas adiantaron un plan polo que o que denominan «fraternidade do dragón» terá un desenvolvemento en soportes variados que terán como proxectos fundamentais unha adaptación cinematográfica que podería combinar imaxe real e animación e que podería ter un derivado nunha serie para público infantil ou adolescente.

Segundo explicou o responsable de Ficción Producciones, Julio Casal, a intención é acometer un dobre desenvolvemento para un videoxogo en primeira persoa utilizando a historia do dragón galego e, ademais, «algunhas aplicacións que aproveiten o xeoposicionamento para coñecer sobre o terreo onde suceden as aventuras do protagonista da historia».

No mesmo plan está tamén a edición de cómics que conten historias paralelas ou alternativas ás contadas na triloxía por Elena Gallego, pero seguindo en todos os casos o carácter e o ambiente marcado polas tres novelas publicadas en Xerais.

Para Manuel Bragado, a triloxía da escritora ten dúas virtudes fundamentais: «É unha aventura que fala do paso da nenez á madurez e está contextualizada nas historias das tradicións galegas das tarascas, cocas e serpes».

Elena Gallego asegurou ter un soño cumprido coa posibilidade de que a súa triloxía chegue a protagonizar unha película ou un videoxogo. «Hai catro anos que comecei a escribir esta historia que, en realidade, estaba destinada a un só lector que non lle gustaban moito as que lle tocaba ler», explicou a autora da saga.